Nova

A Xunta pon á disposición das persoas maiores máis de 350 prazas para estancias en balnearios e un talaso na provincia de Lugo

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que poden optar a elas galegas e galegos de máis de 65 anos ou de 55 que sexan pensionistas

Participan no programa catro establecementos de Viveiro, Pantón, Palas de Rei e a capital luguesa

Lugo, 10 de abril de 2019.- A Xunta de Galicia oferta 366 prazas en tres balnearios e un talaso da provincia de Lugo ás galegas e galegos de máis idade dentro das novas edicións dos programas de ‘Benestar en Balnearios’ e ‘Benestar a través da Talasoterapia’. Estas dúas iniciativas teñen como finalidade que as persoas maiores desfruten do seu tempo de lecer en espazos que lles proporcionen unha maior calidade de vida.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ao Hotel Balneario de Lugo para explicar os detalles destas dúas iniciativas e apuntou que nesta provincia a Xunta pon á disposición dos maiores de 65 anos ou de 55 que sexan pensionistas prazas no Thalasso Cantábrico de Viveiro e nos seguintes balnearios: Termas de Lugo, Hotel Balneario Augas Santas (Ferreira de Pantón) e Balneario do Río Pambre (Palas de Rei).

No caso do programa de Benestar en Balnearios, as quendas son de 10 días, con 9 noites cada unha, e desenvolveranse entre os meses de maio e outubro. As estancias nos talasos serán de 6 días e 5 noites cada unha, e terán lugar de maio a novembro. A Xunta financia un terzo do custe das prazas e as persoas interesadas teñen ata o vindeiro día 2 de maio para presentar as súas solicitudes, poden facelo a través da sede electrónica da Xunta ou dos respectivos rexistros.

En toda a comunidade, a Xunta oferta 1062 prazas (362 en talasos 700 en balnearios). Ademais dos establecementos lugueses, forman parte do programa o Hotel Talaso Louro da Illa da Toxa e os seguintes balnearios: Baños Vellos de Carballo, Balneario de Acuña (Caldas de Reis), Os Baños da Brea (Vila de Cruces), Balneario de Caldelas (Tui), Termas de Cuntis-Hotel Castro, Balneario de Mondariz, Balneario de Molgas (Baños de Molgas), Gran Balneario do Carballiño-Residencia de Tempo Libre do Carballiño, Caldaria Termal de Laias (Cenlle), Lobios-Hotel Lusitano e Caldaria Termal de Arnoia.

Estes dous programas responden a catro obxectivos, xa que contribúen a mellorar a calidade de vida dos maiores, ao fomento de actitudes positivas cara o coidado da saúde e a promoción da autonomía persoal, a favorecer as relacións sociais e apostan por un sector de actividade no que Galicia é punteira.