Nova

A Xunta ofreceulle aos concellos de Corcubión e Camariñas a mesma colaboración que ao de Malpica para o funcionamento do seu centro de día

Perfecto Rodríguez lembrou que “a diferencia deses dous concellos, o de Malpica tomou a iniciativa para impulsar o centro municipal e poder poñelo en servizo”

Se Corcubión e Camariñas poñen en marcha centros de día municipais, as súas prazas recibirían as mesmas axudas da Xunta que centros semellantes

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2019.- O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, explicou no Parlamento de Galicia que a Xunta non vai poñer en funcionamento no concello de Malpica ningún centro de día da rede autonómica e que a Administración galega se limita a cofinanciar a obra de acondicionamento dun local —a Casa do Oleiro de Buño— para unhas instalacións para maiores que serán de titularidade e xestión municipal.

Na súa resposta a unha pregunta oral do PSdeG na Comisión 5ª da Cámara autonómica, Rodríguez lembrou que “a diferencia dos concellos de Corcubión e Camariñas”, que os socialistas mencionaban na pregunta, “o de Malpica tomou a iniciativa de impulsar un centro de día de titularidade e xestión municipal e que este poida entrar en servizo”. “Así o están a facer tamén”, dixo, “outros concellos de Galicia e, concretamente algúns da provincia da Coruña, como Porto do Son, Lousame ou Boimorto, que dispoñen de centros de día da súa titularidade”.

O responsable do Consorcio indicou que “a Consellería de Política Social, a través do Consorcio, achegará unha contía de 150.000 euros para o acondicionamento do inmoble que acollerá o centro de día de Malpica, o que supón o 50% do importe total desa actuación”. E subliñou que “Corcubión xa conta cun local acondicionado e equipado para centro de día e, Camariñas, segundo manifestou a súa propia alcaldesa, disporá dunha axuda económica da Deputación da Coruña de 360.000 euros para construír o seu, importe económico e porcentaxe de cofinanciamento moi superiores aos da Xunta en Malpica”.

En calquera caso, Perfecto Rodríguez asegurou que o Consorcio lles ofreceu aos concellos de Corcubión e Camariñas a mesma colaboración que a Malpica; é dicir que, se deciden poñer en marcha os seus centros de día con titularidade e xestión municipais, contarán con similares axudas públicas da Xunta para as súas prazas ás que reciben os outros centros de día de titularidade municipal que funcionan en Galicia.