Nova

19.000 galegas e galegos en situación de dependencia percibirán na nómina de abril un incremento das súas contías de entre o 10 e o 75%

Feijóo salienta que para tal fin se habilitará un investimento de 10M€

Explica tamén que as persoas que dispoñan dun bono autonomía en residencia verán igualmente incrementadas as contías en función do grao de dependencia que teñan recoñecido
 

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe na rolda de prensa de Consello, da publicación a partir de mañá no DOG da orde pola que 19.000 galegas e galegos en situación de dependencia verán incrementadas as súas contías na nómina do mes de abril.

Para tal fin, sinalou, a Xunta habilitará unha partida de 10M€ que beneficiará ás persoas que conten cunha axuda pública para pagar a un coidador da súa propia familia, nese caso o incremento será do 10% ata un máximo de 426€, e ás persoas con discapacidade ás que se está axudando a financiar un asistente persoal, situación na que o incremento será do 15%, pasando o importe medio de 1.300 a 1.500 euros. “Galicia converterase na Comunidade Autónoma que mellor financia os asistentes persoais” engadiu.

Durante a súa intervención, Feijóo explicou tamén que as persoas que dispoñan dun bono autonomía en residencia verán igualmente aumentadas as contías. Ao que engadiu que ese incremento se producirá en función do grao de dependencia que teñan recoñecido. Así, os bonos para as dependencias de grao I elevaranse un 20% ata un máximo de 360€, os de grao III incrementaranse un 20% ata un tope de 858€ e, por último, para as persoas recoñecidas co grao II de dependencia, o crecemento será do 75%, o que supón que practicamente se duplique.

Ademais, o titular da Xunta indicou que as persoas que se atopen nalgunha das situacións anteriores non terán que realizar ningún trámite a maiores, xa que o importe pasará a percibirse de xeito automático nos primeiros días do mes de maio.

En definitiva, unha medida esencial polo seu impacto en dous colectivos cun peso sociolóxico moi importante en Galicia, o das persoas maiores e o das persoas con discapacidade.