Inicio > Áreas > Familia e infancia > Escolas infantís > Gratuidade das escolas infantís

Gratuidade das escolas infantís

A Xunta de Galicia ofrece educación gratuíta no primeiro ciclo de infantil para todos os segundos fillos e sucesivos de 0 a 3 anos desde abril de 2020. A partir de setembro de 2022 esta iniciativa pioneira, posta en marcha polo Goberno galego, permitirá que todas las familias queden exentas do pago da matrícula e a atención educativa para os seus fillos nunha escola infantil. 

A gratuidade aplicase tanto nos centros públicos de titularidade autonómica (dependentes da AGASS e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar), como nos privados, de iniciativa social, municipais ou de calquera outra índole que estean adheridos ao programa.

Que familias se poden beneficiar?

A partir de setembro de 2022, todas as familias con fillos entre 0 e 3 anos e estean inscritos nalgunha escola infantil da comunidade galega adherida ao programa de gratuidade da Xunta de Galicia.

Como se solicita?

Non é necesario solicitala. A escola infantil na que se inscriba o neno de 0 a 3 anos aplicará directamente a todos os beneficiarios o desconto do 100% no custo da matrícula. Será a Xunta de Galicia quen aboe o custo do servizo educativo ao centro beneficiario, en caso de non ser de titularidade pública autonómica.

 

Inclúe o servizo de comedor e o transporte?

A gratuidade aplícase aos custos do servizo de educación infantil, pero non aos servizos complementarios, como os de comedor, transporte, a ampliación de horario ou calquera outro servizo que ofreza o centro. Para os efectos desta orde entenderase por atención educativa a actividade realizada dentro da aula en horario ordinario.

 

Que escolas están adheridas?

Actualmente máis do 95% das escolas infantís de Galicia, tanto as públicas de titularidade autonómica como as privadas, de iniciativa social, municipais ou de calquera outra índole están adheridas ao programa. Os centros que ofrecen a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos teñen a obriga de comunicalo ás persoas interesadas, así como de anuncialo fisicamente na súas instalacións e virtualmente a través da súa páxina web e redes sociais, en caso de telas.

 

Que escolas poden adherirse?

As entidades privadas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, apliquen a gratuidade da atención educativa e da matrícula nas escolas infantís 0-3 para segundos e sucesivos fillos e fillas, non accedan á bonificación a través doutras liñas de axuda da Consellería de Política Social e cumpran os seguintes requisitos:

  • Estar debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
  • Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas cumpre os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento.
  • Que a escola infantil 0-3 pola que solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.
  • Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas ten as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e aplica os mesmos prezos á totalidade dos nenos e nenas, con independencia do número de orde que ocupen na unidade familiar.

 

Procedemento de adhesión á gratuidade

As escolas de titularidade diferente á publica autonómica teñen dispoñible un formulario na sede electrónica da Xunta de Galicia que dá acceso ao procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos dunha bonificación do 100% do prezo correspondente á atención educativa prestada entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de agosto de 2022 e da gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas para o curso 2021/22 (código de procedemento BS420C).

 Máis información

Pode consultar aquí a ORDE do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420C), publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) número 7 de 2021 (mércores, 13 de xaneiro de 2021).

Órgano responsable

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación

EDIF, ADMINISTRATIVO SAN CAETANO

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 012

Email: demografiaeconciliacion@xunta.gal