Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Temas > Maiores > Ondas de calor

Maiores

Onda de Calor

Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde

Respecto das pautas de actuación ante unha posible vaga de calor por parte dos/as profesionais técnicos/as dos servizos sociais comunitarios de titularidade municipal é necesario clarificar o seguinte:

Os/as profesionais técnicos/as dos servizos sociais municipais non coñecen naturalmente a todas e cada unha das persoas do seu territorio de atención, nin sequera a todas aquelas susceptibles de ser usuarias dos servizos sociais, aínda que isto último fose o idóneo, pero si coñecen aos seus usuarios/as, na súa maioría persoas maiores e persoas con discapacidade, tal como se desprende dos datos que, anualmente, chegan a esta Consellería, a través dos volcados de datos do SIUSS e da avaliación do Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais.

Polo tanto, nos servizos sociais de atención primaria tamén existen usuarios de risco, en caso de vaga de calor, polo seu perfil social (idade, illamento social, condicións de habitabilidade da vivenda, discapacidade, dependencia) e non só polo perfil sanitario, respecto dos cales se deben tratar de previr danos a consecuencia dunha posible vaga de calor: trátase de estar mais alerta neses momentos, por exemplo, mantendo informadas ás auxiliares de axuda no fogar de como actuar en caso de que estean atendendo persoas vulnerables ou, nos equipamentos dependentes dos servizos sociais municipais, manter informadas, tanto ás profesionais que atenden ás persoas usuarias como a estas mesmas, de cómo actuar en caso de vaga de calor, cando sexa posible.

Con respecto á protección dos datos de carácter persoal, é necesario dicir que non é preciso manipular datos persoais que requiran protección, ou que estean suxeitos ao segredo profesional, xa que tanto as profesionais de axuda no fogar coma outros profesionais dos servizos sociais son coñecedores do estado xeral de saúde dos seus usuarios, por ser un dos datos necesarios para unha intervención profesional axeitada.

O sistema sanitario tamén ten, desde logo, un papel crucial no protocolo de actuación ante unha vaga de calor, ocupándose fundamentalmente de todo o relacionado coa protección da saúde das persoas, pero, posto que os servizos sociais teñen acceso ás persoas máis fráxiles, estes deben tratar de telas especialmente protexidas ante unha eventualidade deste tipo e actuar de xeito coordinado entre os dous sistemas de protección da poboación.

A continuación facilítase o enlace co sitio web no que podedes atopar toda a información oficial nesta materia, así como tamén o modelo de informe de incidencias que, de ser o caso, deben remitir os servizos sociais municipais afectados pola onda de calor ao Servizo de Coordinación de Servizos Sociais Comunitarios da Dirección Xeral de Familia e Inclusión da Consellería de Política Social, Edificio Admtvo. San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Documentos relacionados
Ligazóns relacionadas