Consellería de Política Social

MOBILIDADE

Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou persoas en situación de dependencia (SGAMP-065)

O Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para ás persoas con discapacidade e/ou persoas en situación de dependencia ten a consideración de servizo de transporte adaptado programado e non urxente para a prestación de servizos puntuais.

Este servizo de transporte adaptado e asistido, de carácter gratuíto, ten como finalidade:

a)    Poñer a disposición das persoas con discapacidade e/ou dependentes que teñan dificultades de mobilidade os medios adecuados as súas necesidades, que lles faciliten dita mobilidade.

b)    Favorecer o acceso, en condicións de igualdade efectiva, ás persoas con discapacidade e/ou ás persoas en situación de dependencia aos servizos e recursos que faciliten a promoción da súa autonomía persoal así como a súa participación no contorno habitual.


Persoas usuarias do SGAMP-065

Ter recoñecida a condición de persoa usuaria é requisito previo para poder solicitar e prestar a concesión efectiva dos servizos solicitados.

Poderán obter a condición de persoa usuaria do servizo as persoas residentes en Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a)    Ter recoñecida a imposibilidade de utilización de transporte público colectivo, motivada pola súa situación de dependencia ou discapacidade. A imposibilidade de utilización do transporte público colectivo determinarase aplicando os criterios establecidos no Anexo 2 do Real Decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade.

b)    Ter recoñecida a situación de dependencia en calquera dos seus graos conforme a normativa que sexa de aplicación ou ter recoñecido, conforme a normativa aplicable, un grao de discapacidade igual o superior ao 75%.Excepcionalmente poderán obter a condición de persoa usuaria aquelas persoas que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e inferior ao 75%, sempre que se acredite a concorrencia de circunstancias que aconsellen o uso de transporte adaptado e así conste no informe social unificado.

Para os efectos de solicitar a condición de persoa usuaria do SGAMP-065, tense que presentar unha solicitude segundo o modelo recollido no anexo do Decreto 99/2014, do 24 de xullo, polo que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou en situación dependencia, e dirixiranse á xefatura territorial da consellería con competencia en materia de atención ás persoas con discapacidade e ás persoas en situación de dependencia, correspondente á provincia na cal a persoa solicitante teña a súa residencia.

Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a)    Certificación da imposibilidade de utilizar o transporte público emitido polas unidades de valoración da dependencia ou polos Equipos de Valoración e Orientación (EVOS).

b)    Informe social unificado relativo á persoa solicitante no que se describan as circunstancias da necesidade da utilización do transporte adaptado, segundo o modelo establecido pola Orde do 1 de abril de 2013 da Consellería de Traballo e Benestar.

c)    No seu caso, acreditación documental da representación que se ten da persoa que formula a solicitude, e copia compulsada do seu documento identificativo (DNI/NIE).

d)    Cando a persoa solicitante sexa menor de idade e non estea en posesión do DNI, copia compulsada do libro de familia, na que se inclúa a folla na que apareza o nome do/a benefiaciario/a.

As solicitudes de condición de persoa usuaria do SGAMP-065 poden presentarse en calquera momento.

Non obstante, e de acordo coa disposición transitoria única do Decreto 99/2014, do 24 de xullo, polo que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou en situación de dependencia, ás persoas que, con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, teñan recoñecida a condición de persoa usuaria, non lles será de aplicación os requisitos anteriores para obter a condición de persoa usuaria.


Prestacións e orde de prioridades.

A prestación do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou en situación de dependencia procurará cubrir as necesidades de desprazamento das persoas que teñan recoñecida a condición de usuarias do servizo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa seguinte orde de prioridades:

a)    Acudir a consultas médicas do sistema público e concertado ou das mutualidades de funcionarios públicos, cando o desprazamento non sexa competencia do sistema sanitario, e sempre que exista unha confirmación de cita previa para acudir á consulta, para o cal o órgano competente en materia de atención ás persoas con discapacidade e ás persoas en situación de dependencia poderá realizar as comprobacións previas oportunas.

b)    Traslados aos centros asistenciais do sistema galego de servizos sociais que prestando servizo de aloxamento, de carácter permanente ou temporal, non dispoñan de servizo de transporte, e prioritariamente aos que conten con financiamento público.

c)    Acudir a programas ou actividades que se presten prioritariamente en centros do sistema galego de servizos sociais que conten con financiamento público, e que non dispoñan de servizo de transporte.

d)    Asistir a actividades de carácter educativo e formativo que favorezan á integración laboral e á promoción da autonomía persoal, cando o desprazamento non sexa competencia do sistema público educativo.

e)    Asistir a actividades relacionadas co coidado persoal, tanto a nivel terapéutico como rehabilitador.

Sempre que estean cubertas as prioridades anteriores e exista dispoñibilidade de medios, poderanse prestar servizos para as seguintes actividades, e pola seguinte orde de prioridade:

a)    Realizar xestións de carácter legal e/ou administrativo.

b)    Asistir a actividades de carácter cultural, deportivas e/ou sociais.

A intensidade de uso que unha persoa usuaria faga do servizo formará parte da orde de prioridades á hora de conceder o servizo, polo que a persoa titular da consellería competente en materia de atención ás persoas con discapacidade e ás persoas en situación de dependencia, co obxecto de que poidan facer uso deste servizo o maior número de persoas, poderá fixar unha intensidade máxima de uso por persoa a partir da cal se priorizarían a aquelas persoas usuarias que non acadaran a dita intensidade.

En base ao marco normativo que regula o presente servizo, ter recoñecida a condición de persoa usuaria non garante a realización efectiva dos servizos demandados, xa que unha vez feita a solicitude de servizo por parte da persoa usuaria, ten que ser valorada atendendo á orde de prioridades de servizos establecida e á dispoñibilidade de medios. Por conseguinte, o feito de que unha persoa usuaria teña solicitado un servizo de transporte non implica a súa realización efectiva nos termos demandados, polo que a confirmación á persoa usuaria da posibilidade ou imposibilidade de realizarlle o servizo demandado, producirase unha vez avaliadas o conxunto das peticións de servizo desa xornada, e analizadas e priorizadas as ditas peticións. Esta confirmación efectuarase coa debida antelación.


Normativa pola que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal

Decreto 99/2014, do 24 de xullo, polo que se regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou en situación de dependencia (DOG nº 149, de 7 de agosto de 2014).

Documentos relacionados