Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Recursos > Plans e programas

Plan ou programa

Programa de Respiro Familiar

  • Descrición
    Programa de Respiro Familiar para coidadores de persoas en situación de dependencia
  • Descrición longa:

           
    Pretende contribuír a manter ás persoas en situación de dependencia ou discapacidade no seu domicilio e ofertarlle ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer duns días para o seu descanso, manter a súa vida social, familiar e de ocio ou para solventar situacións de emerxencia que se lle presenten, mentres que a persoa á que coidan é atendida adecuadamente nun centro residencial.
    Este programa regúlase na Circular  interna nº 02/2013 da Secretaria Xeral de Politica Social.

    Persoas beneficiarias


    As persoas maiores de 16 anos con recoñecemento de discapacidade ou de dependencia (grao II ou III) e aqueloutras que, non podendo acreditar os requisitos anteriores, requiran da atención dun coidador, segundo se indique no informe médico e social que acompañan, e que ademais cumpran as seguintes condicións:

    • Ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia.
    • Non estar afectado por enfermidade en estado agudo nin se atopen en fase terminal.
    • Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa activa, trastornos mentais ou condutuais graves e non compensados que poidan alterar a convivencia.
    • Efectuar a oportuna solicitude e o pagamento do prezo estipulado nas condicións que se lle indiquen.


    Tipo e duración das estadías
     

    • Modalidade de estadías quincenais

    A estadía terá unha duración máxima de 15 días (14 noites) e poderase prorrogar unicamente en circunstancias excepcionais ou cando a persoa con dependencia teña recoñecida a libranza de coidador do SADD; neste caso contará cun máximo de 45 días ao ano, sempre e cando non dispoña xa da compatibilidade do respiro con outro recurso, (segundo o establecido no artigo 64.5, puntos b), c) e d) da Orde do 2 de xaneiro de 2012).
     

    • Modalidade de estadías de fin de semana

    Esta modalidade aplicarase unicamente para estadías de fin de semana completo (un fin de semana ao mes), considerando como tal a entrada o venres a partir das 19:00 h. e a saída o domingo antes das 19:00 h.

    Contémplase, como excepción, a posibilidade da estadía en día festivo (un como máximo), que poderá cadrar ou non unido ao fin de semana. O horario de entrada é o sinalado no apartado anterior e computándose como unha estadía dun día completo.   

    Coa finalidade de posibilitar o acceso ao programa ao maior número de solicitantes posible, se unha persoa xa se beneficiou dunha estadía de fin de semana, unicamente  se lle poderá conceder outro fin de semana completo cada dous meses sempre e cando concorran circunstancias excepcionais debidamente acreditadas.

    Centros nos que se oferta praza

    A relación dos centros nos que se ofertan prazas para este programa (para persoas maiores ou para persoas con discapacidade) figura na páxina web de Benestar e no MATIASS
    As persoas interesadas poderán elixir o centro ao que queren acudir sempre e cando o devandito centro dispoña de praza vacante nese momento, se adecúe as características e á idade do solicitante e estea autorizado pola subdirección xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da secretaría xeral técnica da Consellería de Política Social para a prestación deste programa (segundo o rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais (RUEPSS).

    Prezo total da praza:

    • Estadías quincenais: 791,5€ por quincena (52,76€/día), IVE incluído.
    • Estadías de fin de semana: 124€ polos dous días (62€/día), IVE incluído.


    No caso de tratarse dun día festivo computarase como unha estadía dun día e o prezo da praza tamén se establece en 62€/día.

    Achega da persoa beneficiaria:
    En calquera das modalidades, as persoas beneficiarias contribuirán ao financiamento da estadía coa porcentaxe do custo que se establece a continuación en función dos seus ingresos económicos:

    • Inferiores ao IPREM ................................................ o 40%
    • Superiores ao IPREM e inferiores a 1.000 € ..... o 55%
    • Superiores a 1.000 € e inferiores a 2.000 € .......o 75%
    • Superiores a 2.000 € .............................................. o 90%


    O importe a pagar polas persoas beneficiarias aboarase, polo menos con 5 días de antelación ao comezo da estadía, directamente á entidade ou centro no que se vai recibir o servizo ou no número da conta bancaria que se lle indique ao efecto.

    Os gastos de desprazamento desde o domicilio das persoas beneficiarias ata o centro e viceversa serán pola súa conta.

    Servizos que se inclúen:

    • Aloxamento e manutención completa en cuartos dobres adecuados ás limitacións e necesidades dos beneficiarios. No caso de que unha persoa beneficiaria desexe ocupar unha habitación individual, estará supeditado á dispoñibilidade do centro e deberá aboar pola súa conta o pago do suplemento que lle corresponda.
    • Menú axeitado baixo supervisión médica.
    • Atención integral que comprende: coidado persoal, control e protección, prestación das axudas necesarias para a realización das actividades da vida diaria (aseo, vestido, comida,...).
    • Atención médica, psicolóxica e social (tendo en conta as indicacións e tratamento que o usuario teña prescrito polos seus especialistas, se fora o caso).


    Prazo, lugar de presentación das solicitudes e documentación

    As solicitudes presentaranse nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social que corresponda cun mes de antelación á data para a que se solicita a quenda, agás situacións de emerxencia sobrevidas (enfermidade, accidente do coidador ou similares) e debidamente xustificadas.
    A solicitude e a declaración responsable da persoa interesada, titora, representante legal ou coidadora, formularase no modelo establecido ao efecto (anexo I) debendo cumprimentarse tódolos datos requiridos.
     
    Cando a persoa solicitante non autorice a consulta e a comprobación dos seus datos económicos ou dos que xa están en poder da Administración, teranse que presentar tamén os seguintes documentos:

    • Copia compulsada do DNI/NIE do solicitante ou calquera outro documento acreditativo da súa identidade, de conformidade coa normativa vixente.
    • Última declaración do imposto da renda das persoas físicas, certificado de toda a clase de pensións percibidas ou declaración xurada de non percibilas.
    • Informe médico relativo ao solicitante segundo o modelo que o SERGAS establece no IANUS, só naqueles casos en que non exista recoñecemento do grao dependencia. (anexo VIII-II de recoñecemento da situación de dependencia).
    • Informe social (segundo o modelo do Anexo II ) ou no modelo unificado (ISU) en canto se publique no DOGA a orde que o regula , relativo ao solicitante, só naqueles casos que non exista recoñecemento de grao dependencia ou que variaran as circunstancias dende a valoración da dependencia.


    Acceso á praza

    As xefaturas territoriais á vista da documentación presentada ou requirida, da dispoñibilidade de prazas e do orzamento, resolverá as solicitudes e notificará a resolución ás persoas interesadas, indicándolle ás que resulten beneficiarias que deben confirmar se continúan interesadas na súa ocupación, xunto coa dirección e teléfono do centro para que confirmen cal é a roupa que teñen que levar, a medicación habitual, os accesorios, o xeito de formalizar o pagamento etc.


    Santiago de Compostela, 1 de abril de 2013