Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Recursos > Plans e programas

Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA 2008)

  • Descrición longa:

    Definición: A RISGA está pensada para os residentes en Galicia que, carecendo de recursos e estando en risco de quedaren excluídos, queren poñerse en marcha para mellorar a súa situación.

    Contía e límites de ingresos: Atópanse nos trípticos que se poden descargar o final deste texto explicativo.

    Descrición da axuda: Consiste nunha prestación periódica mensual de apoio económico e, ao mesmo tempo, esixe que o perceptor se comprometa cun proxecto de inserción. Constan dun subsidio básico, dun complemento variable en función do número de membros da unidade de convivencia independente e, en determinados casos, dun complemento de inserción.

    Incompatibilidades:O subsidio básico e o complemento variable da RISGA son incompatibles coa percepción de pensións ou axudas de carácter público, contributivas ou non contributivas, coas excepcións que a continuación se sinalan:

    • Os citados subsidio básico e mailo complemento variable son compatibles coas prestacións de protección á familia outorgadas a persoas con cargas familiares, se ben o seu importe así como calquera outro ingreso deben deducirse do importe da prestación, coa excepción sinalada a continuación.
    • O subsidio básico e mailo complemento familiar son compatibles coas axudas de carácter finalista dirixidas á formación regrada e profesional ou a paliar situacións de emerxencia social así como coas prestacións familiares por fillo a cargo maior de dezaoito anos cunha minusvalía igual ou superior ao 65 % xeradas polas persoas integrantes da unidade de convivencia, non descontándose o seu importe en ningún destes últimos casos citados.

    Requisitos:

    • Ter residencia efectiva e estar empadroado en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma galega, cando menos durante o ano inmediatamente anterior á formulación da solicitude.
    • Ter unha idade comprendida entre 25 e 65 anos.
    • Dispoñer duns ingresos inferiores á contía da prestación da RISGA que lle correspondería ao solicitante, e non dispoñer de bens que indiquen a existencia de medios suficientes.
    • Que non existan persoas legalmente obrigadas e con posibilidade real de prestar alimentos ao solicitante.

    Cómpre subliñar que respecto a cada un dos requisitos citados existen unha serie de excepcións legalmente previstas na Lei 9/91, segundo redacción dada pola Lei 16/2004.

    Onde dirixirse:Servizos sociais de atención primaria do concello de residencia.

    Normativa e lexislación:

    • Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social (DOG nº 191 do 03-10-1991).
    • Decreto 374/1991, do 24 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social no relativo á renda de integración social de Galicia (DOG nº 214 do 05-11-1991).
    • Lei 1/1999, do 5 de febreiro, pola que se modifica a Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social (DOG nº 36 do 22-02-1999).
    • Lei 16/2004, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social (DOG nº 254 do 31-12-2004)
Documentos relacionados