Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Recursos > Plans e programas

Programa de Acollemento residencial

  • Descrición
    Un centro de menores é un fogar alternativo no que de xeito temporal se cuida e atende aos nenos e nenas que residen neles, ou ben se presta apoio durante determinadas horas do día a nenos que seguen a residir nas súas familias.
  • Descrición longa:

    Que é?
    Mediante este programa xestiónase a rede de centros de protección de menores de Galicia. A rede de centros está composta tanto por establecementos públicos, de titularidade e xestión da Consellería de Política Social, como por establecementos de titularidade privada, postos a disposición da consellería a través dos correspondentes contratos, centros doutras administracións públicas, ou fórmulas mixtas de xestión. Todos os centros están atendidos por profesionais especializados.

    Nos centros ofrécense todos aqueles servizos e cuidados que en calquera familia se lles proporciona aos fillos: aloxamento, comida, vestido, afecto e atención emocional, educación nos hábitos persoais e familiares, planificación do tempo de lecer, apoio educativo... Sen embargo  non substitúen as actividades que se deban ou poidan realizar en equipamentos normalizados, como a escolarización, ou a atención sanitaria, que se levan a cabo nos establecementos que corresponda. Do mesmo xeito, procúrase a maior integración posible no contorno a través do emprego de recursos comunitarios de lecer, deportivos, sociais ou culturais.

    En calquera caso, o acollemento residencial é un recurso temporal, que non substitúe de forma permanente a integración nunha familia, polo que desde o primeiro momento se traballa para que o regreso ao fogar de orixe, ou se isto no é posible, a integración nunha familia alternativa, se faga o mais pronto posible.

    Para quen?
    A atención residencial en centros está dirixida a queles nenos, nenas e adolescentes que están baixo a tutela ou a garda da Xunta de Galicia porque non poden permanecer residindo na súa familia, e para os que non é posible, ou non é conveniente, a integración nunha familia alternativa.

    A atención de día é unha medida de apoio para os nenos que, aínda que seguen convivindo no seu núcleo familiar, precisan un reforzo para mellorar o seu desenvolvemento persoal e asúa integración familair e social.

    Como funciona?
    Cando un neno ou nena ten que ser separado da súa familia, os técnicos de menores da Consellería de Política Social valoran en cada caso cal é a mellor forma de prestarlle a atención que precisa. En xeral considérase prioritario que poida permanecer na súa familia extensa (avós, tíos, etc) ou, se esta non existe ou non pode atendelo, nunha familia acolledora allea. Cando estas opcións se desbotan, propoñen aquel centro residencial da rede dispoñible que mellor poida responder ás súas necesidades específicas.

    Entre outros criterios que se teñen en conta para propoñer un centro determinado está a cercanía á residencia habitual, para permitir que o neno conserve os seus referentes e favorecer o contacto coa familia, de cara a unha mais pronta reintegración.

    Os distintos tipos de centros de menores responden a diferentes formas de organización e especialización na atención que se presta. A gran maioría dos existentes responden á tipoloxía de “casas de familia”: centros pequenos, de non mais de oito residentes de diferentes idades, situados en vivendas normalizadas (pisos ou casas unifamiliares) e totalmente integradas no contorno, de xeito que a convivencia nelas se asemelle o mais posible á que se dá nunha familia.
    Outros están especialmente preparados para atender determinadas necesidades, como por exemplo os nenos ou nenas de curta idade, ou os mozos próximos a cumprir a maioría de idade que precisan dunha preparación enfocada á súa autonomía persoal e a vida idependente. 

    Mais información: