Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Temas > Familia > Adopción > O proceso de adopción

adopción

O Proceso de Adopción

Segundo se sinala na Convención sobre os Dereitos do Neno, adoptada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas e Ratificada por España, todos os nenos teñen dereito a crecer nunha familia. A veces, non é posible que esta familia sexa a de orixe do neno, e é necesario buscarlle unha familia alternativa a través da adopción. Neste proceso, o interese supremo do neno debe ser a consideración primordial

A adopción é un recurso legal dirixido a proporcionarlle un fogar permanente ao neno que se atopa en situación de abandono ou desamparo.

Partindo do principio de interese superior do menor, o neno é o punto de partida do proceso que culmina coa súa adopción. Trátase de atoparlle a mellor familia aos nenos ou nenas, e non de atopar un neno para satisfacer a necesidade das familias.

A Consellería de Política Social, a través da Secretaría Xeral de Familia e Benestar, é a entidade pública competente para tramitar os procedementos de adopción na Comunidade Autónoma de Galicia.

En liñas xerais, o proceso de adopción conleva as seguintes fases para a familia receptora:
Sesión informativa. As persoas interesadas en adoptar deben asistir a unha reunión informativa no departamento territorial que corresponda ao seu domicilio. En caso de parellas ou matrimonios, é necesario que asistan os dous membros. Nela ofrécese información acerca do procedemento, trámites necesarios, requisitos, tempos de espera, información por países, Entidades de Colaboradoras de Adopción Internacional (Ecais), e se resolven as dúbidas que poidan formularse.

Curso de formación, no que os profesionais – psicólogos/as e traballadores/as sociais-   abordan cuestións relacionadas coa adopción como poden ser as características dos menores que poden ser adoptados, as motivacións para a adopción, o momento da chegada do neno ou nena á familia, o período de adaptación, a revelación da condición de adoptado, a identidade étnica e cultural, etc.

Presentación de solicitude e documentación complementaria

Valoración da idoneidade. Trátase dun estudo psicolóxico e social dos solicitantes, para determinar se posúen as capacidades necesarias para atender as necesidades dos nenos que vaian ser adoptados. A través de entrevistas, visitas ao domicilio e, se é o caso, a aplicación de tests psicolóxicos, valóranse aspectos tales como o axuste de parella, a adecuación entre as idades dos solicitantes e o neno ou nena qu vaia ser adoptado, as condicións do medio familiar dos solicitantes, as súas motivacións ou as súas condicións de saúde. 

Tramitación do expediente ao país elixido, en caso de adopción internacional.

Selección da familia mais axeitada para o neno que vaia ser adoptado.

Formalización da adopción mediante resolución xudicial.
No caso de adopción internacional, esta ven precedida pola viaxe ao país para a recollida do neno ou nena.
No caso de adopción nacional, pode darse antes un periodo de acollemento preadoptivo durante o que se traballa o acoplamento do neno ou nena na súa nova familia.

Seguimento post adoptivo

Mais información: http://adopcions.xunta.es
 

 

Prevención na parella

Entidades colaboradoras en adopción internacional en Galicia: