Consellería de Política Social

Secretaría Xeral Familia e Benestar

Orde do 22 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2016 e se procede a súa convocatoria

AXUDA ECONÓMICA ÁS FAMILIAS QUE TEÑAN UNHA FILLA OU UN FILLO OU ADOPTEN UNHA NENA OU UN NENO NO 2016, TARXETA BENVIDA
 

Que é?
É unha axuda económica destinada ás familias que no ano 2016 teñan un fillo/a ou adopten un neno ou nena menor dun ano, co fin de contribuír a sufragar os gastos derivados da súa crianza durante o primeiro ano de vida.
Esta axuda instrumentalizase a través da tarxeta benvida, cuxo obxectivo é adquirir produtos básicos para a nena ou neno, como leite e outros alimentos infantís, cueiros, produtos de hixiene infantil e produtos farmacéuticos; unicamente, poderá ser empregada en farmacias, parafarmacias, supermercados e tendas de alimentación.
 

Cal é a súa contía?
A contía total da axuda, con carácter xeral, será de 1.200 €, repartidos en 12 mensualidades durante o primeiro ano de vida da nena ou neno.
No caso de adopción, o dereito a percibir esta axuda será dende o momento en que se constitúa a adopción ata que a nena adoptada ou neno adoptado cumpra un ano de idade.
 

Que persoas poden beneficiarse?
Poderán ser beneficiarias aquelas persoas que teñan fillas ou fillos, tanto biolóxicos como adoptados, nados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2016, que cumpran os seguintes requisitos:
 - Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia.
 - Que a renda da unidade familiar, sumadas a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro, da declaración do IRPF do ano 2014 non supere os 45.000 €.
Nos casos en que a renda da unidade familiar fose superior aos 45.000 €, a renda per cápita, entendida como a suma das bases impoñibles xeral e do aforro dividida polo número de membros da unidade familiar, non deberá superar os 13.500 €.
Nos casos en que non se teña realizado a declaración do IRPF do ano 2014, os ingresos serán os que resulten dos datos que obren en poder da AEAT, aos que se lles restarán os gastos deducibles.
Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
 

Como se solicita a tarxeta benvida?
As persoas interesadas deberán cubrir unha solicitude normalizada (anexo I da Orde 22 de decembro de 2015), acompañada da documentación, segundo o caso, que a continuación se relaciona:
- Copia do libro ou libros de familia da unidade familiar ou, de ser o caso, as certificacións correspondentes expedidas polo Rexistro Civil.
- Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción, só no caso de non autorizar a súa consulta ou cando se trate de adopcións non formalizadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
- Certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar.
- Anexo II debidamente cumprimentado e asinado pola persoa proxenitora que non apareza como solicitante, de ser o caso.
- Copia dos DNI ou NIE da persoa solicitante e da proxenitora que non apareza como solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de Verificación de datos de Identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
- Copia da declaración do Imposto da renda das persoas físicas do ano 2014 da persoa solicitante e da proxenitora que non apareza como solicitante, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta ante a Axencia Estatal da Administración Tributaria.
O prazo de presentación da solicitude será dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou adopción.
 

Como se instrumentaliza a tarxeta benvida?
Unha vez resolta a solicitude, a persoa proxenitora solicitante da axuda recibira a tarxeta benvida expedida ao seu nome, xunto coas instrucións para a súa activación (que será efectiva dende o número de móbil que se faga constar na solicitude) e as condicións de uso da dita tarxeta.
A Consellería de Política Social procederá a carga inicial da tarxeta e a recarga mensual durante o seu período de vixencia, que será de 12 meses desde o mes de nacemento da filla ou fillo, e no caso de adopción ata que a ou o menor adoptado cumpra os 12 meses de idade, transcorrido o cal non poderá ser utilizada.
En todo caso, non poderá ser usada máis ala do 31 de decembro de 2017.
 

Que obrigas teñen as persoas beneficiarias?
As persoas beneficiarias da tarxeta benvida obríganse ademais de observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño; especificamente ao seguinte:
- A comunicar calquera variación que se produza na situación familiar que poida dar lugar a perda da axuda.
- A responsabilizarse e e cumprir as condicións de uso establecidas e destinala exclusivamente á finalidade para a que foi concedida.
- A comunicar a perda, roubo ou extravío da tarxeta á Consellería de Política Social.
- Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concédente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
- Comunicarlle ao órgano concédente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
 

Solicitude da tarxeta benvida e tramitación en liña: AQUÍ

INFORMACIÓN:
 
Correo electrónico:  tarxetabenvida.familia@xunta.gal
 
Atención telefónica, en horario de 11:45 a 13:45, no teléfono 981544623


Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica