Consellería de Política Social

Secretaría Xeral Familia e Benestar

Prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2016.

Persoas beneficiarias:


1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2016 (nados entre o 2.1.2013 e o 1.1.2016, incluídos) e que, durante o ano 2014, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.
No caso de fillas ou fillos adoptados ou acollidos entre o 31 de decembro de 2014 e o 31 de decembro de
2015, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.
Así mesmo, serán beneficiarias desta axuda aquelas persoas solicitantes dela no ano 2015 que, cumprindo todos os requisitos sinalados na Orde do 30 de decembro de 2014, pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos, modificada pola Orde do 31 de agosto de 2015, non se lles aboara por insuficiencia orzamentaria.
2. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio das persoas proxenitoras, o beneficiario ou beneficiaria da prestación será aquela persoa que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentenza de separación ou divorcio.
3. En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.
4. As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.
5. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Requisitos


•    Residir en Galicia.
•    Que as/os nenas/os convivan coa persoa solicitante na data da solicitude.

Tipo de axuda e contía:


A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:
– Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.
– Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.
– Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

Solicitudes e documentación:
1. A solicitude formalizarase no formulario normalizado que figura como anexo I desta orde e que estará dispoñible na Guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo:
https://sede.xunta.es/detalle-procedemento?codCons=BS&codProc=410A
2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación sinalada, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:
a) Copia do libro ou libros de familia da unidade familiar ou certificación de nacemento do Rexistro Civil de cada unha das fillas ou fillos da persoa solicitante, para os efectos de acreditar a data de nacemento e o número de orde que ocupa a filla ou fillo na descendencia da persoa solicitante.
b) Xustificante de empadroamento conxunto de todos os membros da unidade familiar. No suposto de que a/o cónxuxe ou parella da persoa solicitante non figure neste, deberá achegar o seu xustificante de empadroamento individual, só no caso de non autorizar a súa consulta.
c) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno-filiais dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, de ser o caso.
d) No suposto de familias monoparentais, a documentación anterior poderá substituírse pola copia do certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, sempre que conste nel a filla ou fillo polo que se solicita a axuda, só no caso de non autorizar a súa consulta.
e) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou acollemento, de ser o caso (só no suposto de que a formalización se realizase noutra comunidade autónoma).
f) Anexo II debidamente cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non figure como solicitante e que forme parte da unidade familiar. De non achegar este documento, deberá xustificarse achegando a documentación que figura nas letras c) ou d) deste artigo.
g) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
h) Copia do DNI ou NIE da persoa cónxuxe ou parella que non apareza como solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
i) Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas do ano 2014 da persoa solicitante, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta.
j) Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas do ano 2014 do cónxuxe ou parella da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

Vía de presentación de solicitudes:


•    As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Pinche aquí
•    Tamén poderán presentarse solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
 

Prazo de presentación de solicitudes: Ata o 7/03/2016