Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Temas > Infancia > Protección da Infancia > Maltrato Infantil

Protección da infancia

A protección da infancia

As responsabilidades a prol do benestar infantil esíxennos un traballo continuo por mellorar os mecanismos de detección das situacións de desamparo ou de risco, desenvolver programas preventivos e mellorar a eficacia dos servizos, actuacións e medidas de intervención.

Na atención á infancia e á adolescencia teñen carácter prioritario as actuacións dirixidas a previr posibles situacións de desprotección e conflito social, así como as graves carencias que menoscaben o seu desenvolvemento.

Enténdese que un neno ou nena está desprotexido cando as persoas que están obrigadas a prestarlle atención e cuidado non o fan, ou o fan de xeito indebido, e como consecuencia o neno ou nena carece da necesaria asistencia moral ou material. Nestes casos falamos de desamparo. Así por exemplo, considérase que hai desamparo en caso de maltrato físico ou psíquico, abuso sexual, abandono, indución á mendicidade ou á delincuencia, entre outros.
 
Tamén hai desprotección cando, sen chegar a darse esta situación tan grave, se produce calquera circunstancia que prexudica o desenvolvemento persoal, familiar ou social do neno ou nena, e que permite razoablemente temer que no futuro poida chegar a constituír desamparo.

En todos estes casos deben intervir os servizos sociais e, nos supostos mais graves, a Administración asume a tutela dos menores, e a patria potestade que corresponde aos pais queda suspendida.

Cando se constate unha situación de risco, a actuación dos poderes públicos debe orientarse basicamente cara ao apoio á familia, mediante o asesoramento e apoio técnico, a mediación en conflitos,  as axudas económicas temporais, a educación familiar, e outras, de forma que  os pais estean capacitados para atender aos seus fillos e fillas, e que estes poidan gozar dunhas condicións axeitadas desde o punto de vista social, económico e cultural.

Cando a situación é cualificada de desamparo, a Administración asume a  tutela administrativa dos menores e ademais adopta outras medidas tales como o traballo coa familia de orixe, a garda temporal do neno ou nena por unha familia alternativa ou un centro especializado, ou a súa integración definitiva nunha familia adoptiva. 

Para acadar as devanditas finalidades, os servizos especializados de protección da infancia da Consellería de Política Social, desenvolven os seguintes

 

Maltrato infantil

 

Liña de axuda á infancia

[Teléfono de atención e emerxencias: Infancia - 116111]