Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Recursos > Axudas e subvencións

Axuda

SUBVENCIÓNS 0,7 IRPF

Data de inicio: 29/09/17. Data de fin: 30/10/17
  • Descrición:

    A concesión de subvencións a entidades do Terceiro Sector con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, é unha medida consolidada no tempo e arraigada na nosa  sociedade. Estas subvencións constitúen unha vía esencial de sostemento das axudas públicas para a realización de programas de interese xeral, que en Galicia permitiu que se levaran a cabo, no ano 2016, 238 programas cun financiamento superior aos 11 millóns de euros, o que permite concluír que esta actividade subvencional da administración constitúe na nosa comunidade un verdadeiro instrumento de vertebración social no marco da asignación tributaria que a cidadanía realiza na súa declaración anual da renda.

    Ata o ano 2013 estas axudas estruturáronse en función dos colectivos protexidos, pero a partir do Real decreto-lei 7/2013, do 28 de xuño, de medidas urxentes de natureza tributaria, orzamentaria e de fomento da investigación, o desenvolvemento e a innovación, tratouse de dar unha resposta eficaz ás demandas daqueles sectores nos que era necesario incidir cunha maior urxencia. Para iso, considerouse imprescindible que aqueles fins aos que se destinaba a citada asignación quedasen encadrados dentro duns eixos prioritarios de actuación sobre os que se instrumentaran os programas para desenvolver, e que se circunscribiron aos ámbitos seguintes: a atención ás persoas con necesidades de atención integral socio-sanitaria, a atención ás persoas con necesidades educativas ou de inserción laboral, o fomento da seguridade cidadá e prevención da delincuencia, a protección do medio ambiente e a cooperación ao desenvolvemento.

    A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, de xeito que tal e como recolle o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle á dita consellería, propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no dito ámbito, e no exercicio desas competencias, convoca por primeira vez estas subvencións a través dun procedemento transitorio e excepcional dirixido, en canto se perfila un novo modelo de xestión, a garantir a continuidade no ano 2018 dos programas que atenden a fins de interese social en Galicia con cargo á dita asignación tributaria. Deste xeito, neste ano 2017, o procedemento de concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

    A convocatoria está dotada cun orzamento de 11.453.784 euros e poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social que xa recibisen axuda na convocatoria do ano 2016 con cargo ao IRPF para o desenvolvemento de programas dirixidos á atención ás persoas con necesidades de atención integral sociosanitaria, necesidades educativas ou de inserción laboral e programas para o fomento da seguridade cidadá e a prevención da delincuencia.

    Nesta convocatoria financiaranse programas sociais dirixidos de forma prioritaria ás persoas maiores, ás persoas con discapacidade, á mocidade e á infancia. Así mesmo, beneficiaranse colectivos de mulleres en risco de exclusión, persoas afectadas por problemas de drogodependencia, persoas de etnia xitana, poboación reclusa e exreclusa, persoas refuxiadas e persoas asiladas, migrantes, vítimas do terrorismo e persoas afectadas polo VIH/SIDA.

    A Xunta de Galicia anticipará ás entidades beneficiarias o 100% da subvención no momento de concesión, e a xustificación será posterior á realización das actividades.

Ligazóns relacionadas
Contacto
  • ceroseteirpf@xunta.gal, Para máis información ou consultas