Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Recursos > Axudas e subvencións

Axuda

ORDE do 24 de agosto de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se convocan en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018 e 2019.

Data de inicio: 07/09/18. Data de fin: 08/10/18
  • Descrición:

    De acordo co artigo 50 da Constitución española, os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica aos cidadáns durante a terceira idade. Así mesmo, e con independencia das obrigas familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer.

    O artigo 148.1.20 da Constitución española establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias, entre outras, en materia de asistencia social. Ao abeiro do dito precepto, o artigo 27.23 do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de servizos sociais.

    Neste marco competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Entre outros aspectos, a lei regula a forma en que se prestarán os servizos sociais, e permítelles ás persoas físicas e xurídicas privadas, sexa de iniciativa social ou de carácter mercantil, a posibilidade de crear centros de servizos sociais, así como xestionar programas e prestacións desta natureza, de conformidade co establecido polo lexislador e, en todo caso, cumprindo os requisitos de calidade e demais condicións que estableza a normativa reguladora dos servizos sociais de Galicia.

    En consonancia co anterior, esta orde de convocatoria diríxese a apoiar a posta en marcha dunha experiencia piloto nos concellos de Galicia cunha poboación menor de 5.000 habitantes, dando preferencia a aqueles en que non existan recursos de atención a persoas maiores, destinada a contribuír na atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida, ofrecendo unha atención integral e personalizada a persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II.

    A casa do maior preséntase como alternativa cando na contorna non existan recursos de atención para este colectivo ou cando o internamento nese tipo de institucións non sexa desexado, procurando o mantemento no medio social habitual coa finalidade de que as ditas experiencias piloto poidan garantir a futura posta en marcha eficiente de servizos de atención en pequenos grupos, de maneira flexible e con garantías de seguridade e calidade.

    Con esta actuación aténdense as necesidades de atención das familias e favorécese a equidade no acceso aos servizos con independencia do lugar de residencia.

    Por outra banda, impulsarase e apoiarase a prestación destes servizos de atención aos maiores mediante fórmulas de autoemprego e de economía social, que demostraron ser eficaces para a dinamización económica local e, consecuentemente, para a fixación de poboación ao territorio.

    Con esta estratexia preténdense crear oportunidades vitais para reter e atraer poboación nova ao rural galego e fomentar o reequilibrio territorial, aspectos ambos especialmente importantes en territorios afectados polo declive demográfico, como as áreas rurais de Galicia, concretamente as de interior, onde a fixación da poboación se presenta como unha cuestión prioritaria e as oportunidades laborais como un alicerce de desenvolvemento.

    A xestión desta experiencia piloto realízase por convocatoria pública de axudas baixo o procedemento de concorrencia competitiva.

    Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.