Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Recursos > Axudas e subvencións

Axuda

ORDE do 31 de outubro de 2017 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención a domicilio de nenas e nenos menores de doce anos a través do programa Bono coidado e se procede á súa convocatoria.

Data de inicio: 10/11/17. Data de fin: 30/04/18
  • Descrición:
    Esta axuda está dirixida ás familias con nenos e nenas menores de doce anos que reúnan os requisitos establecidos na orde  e se atopen en calquera das circunstancias enumeradas na propia convocatoria.
     
    O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día 11 de novembro ata o día 30 de abril de 2018.

    QUE É?
    É unha axuda económica para familias con nenos e nenas menores de doce anos, que precisen dun recurso personalizado a domicilio para cubrir as necesidades puntuais derivadas da conciliación.
    Consiste nunha achega para contribuír ao pagamento do importe de servizos de atención á infancia a domicilio nuns supostos determinados: enfermidade do/a menor, da persoa coidadora habitual, asistencia a entrevistas de traballo ou situacións laborais de carácter puntual que impidan a atención da nena ou neno polos membros da unidade familiar.

    QUEN SE PODE BENEFICIAR DESTA AXUDA?
    As persoas que teñan fillos/as, tanto por natureza coma por adopción, e as persoas que teñan en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva nenos/as menores de 12 anos (nacidos/as con posterioridade ao 31 de decembro de 2005 respecto da anualidade 2017 e con posterioridade ao 31 de decembro de 2006 respecto da anualidade 2018).

    QUE REQUISITOS HAI QUE CUMPRIR?

    • Residir en Galicia.
    • Non superar os 45.000 euros de renda da unidade familiar, sumadas a base impoñible xeral  e a base impoñible do aforro, ou os 13.500 euros de renda per cápita, na declaración do IRPF do ano 2015 respecto da anualidade de 2017 e  do ano 2016 respecto da anualidade 2018.

     

    EN QUE CONSISTE A AXUDA?
    A administración recoñecerá ás familias que cumpran os requisitos o dereito a obter unha subvención para un máximo de 80 horas de servizos de conciliación a domicilio para o período que vai do do 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018. O nº total de horas incrementarase nun 15% por cada fillo menor a partir do primeiro.
    A axuda farase efectiva unha vez se xustifique documentalmente o uso dos servizos.
    A contía da axuda é variable en función da renda da unidade familiar e oscila entre os 7 e os 14 €/hora.

    ONDE SE PODEN PRESENTAR AS SOLICITUDES?
    Dirixiranse á xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde teña o seu domicilio a persoa solicitante, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (código de procedemento BS412A) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).
    Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

    CAL É O PRAZO DE PRESENTACIÓN?
    As solicitudes de axuda poderán presentarse desde o 13 de novembro ata o 30 de abril de 2018.

    QUE DOCUMENTACIÓN HAI QUE PRESENTAR ?
    a) Anexo II, relativo á comprobación de datos da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.
    b) Certificado de empadroamento das persoas menores que non dispoñan de documento nacional de identidade (DNI).
    c) Copia do libro de familia ou, na súa falta, dun documento que acredite oficialmente a situación familiar.
    d) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, de ser o caso, cando se trate de adopcións formalizadas por outra comunidade autónoma.
    e) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a situación de tutela, de ser o caso, só cando se trate de tutelas formalizadas por outra comunidade autónoma.
    f) Copia da resolución administrativa de acollemento familiar, de ser o caso, cando se trate de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma.
    g) Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paternofiliais, nos casos de familias formadas por unha soa persoa proxenitora como consecuencia de separación legal, divorcio ou outras situacións análogas.

    XUSTIFICACIÓN DOS SERVIZOS E PAGAMENTO DA AXUDA:
    A axuda farase efectiva ao achegar á xefatura territorial correspondente a seguinte documentación:
    a) Solicitude de pagamento (anexo III).
    b) Facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) dos gastos realizados, asi como os Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento da factura.
    c) Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento da factura. Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un recibín do/a provedor/a asinado sobre a factura con indicación do nome e apelidos de quen recibe os fondos e o seu DNI, para gastos inferiores a 1.000 euros.
    d) Xustificación documental da situación puntual que da dereito á axuda.

    CAL É O PRAZO PARA SOLICITAR O PAGAMENTO E XUSTIFICAR Á AXUDA?
    O 5 de decembro da anualidade ao que se refire o servizo, salvo no suposto de servizos recibidos no mes de decembro de 2017, respecto dos cales se deberá solicitar o pagamento no primeiro mes de 2018.

    INFORMACIÓN: Xefaturas territoriais da Consellería de Política Social

    XEFATURA TERRITORIAL DA CORUÑA
    Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º
    15008 A CORUÑA
    Teléfono: 981185755

    XEFATURA TERRITORIAL DE LUGO
    Ronda da Muralla, 70
    27071 LUGO
    Teléfono: 982294358

    XEFATURA TERRITORIAL DE OURENSE
    Avda. de la Habana, 79
    32004 OURENSE
    Teléfono: 988386595

    XEFATURA TERRITORIAL DE VIGO
    R/ Concepción Arenal, 8
    36201 VIGO
    Teléfono: 986817817

Documentos relacionados