Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Temas > Inclusión > Prestacións > Axudas e entidades de iniciativa social

PRESTACIÓNS

Axudas a entidades de iniciativa social

 

Normativa:

Orde do 28 de maio de 2013 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo) (DOG nº 102 do 30 de maio de 2013).


Orde do 7 de agosto de 2013 pola que se modifica a do 28 de maio de 2013 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo) (DOG nº 153 do 12 de agosto de 2013).

Obxecto e tipos de subvencións:
O establecemento de subvencións ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, levan a cabo programas e prestan servizos sociais na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, inclusión social e, especificamente, en favor da inclusión social da poboación inmigrante.

Estas actuacións comprenden a atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e o desenvolvemento de programas de servizos sociais comunitarios, de inclusión social e en favor da poboación inmigrante.

Non obstante, e en relación aos programas de servizos sociais comunitarios, de inclusión social e en favor da poboación inmigrante, non serán considerados como obxecto das axudas reguladas na presente orde as actividades e proxectos que teñan principalmente os seguintes contidos:


a) Promoción da saúde pública, asesoramento sobre enfermidades crónicas, divulgación das características e efectos dunha determinada enfermidade ou outras problemáticas de índole sanitaria, salvo aquelas que consistan na prevención das discapacidades, principalmente as dirixidas ás persoas celíacas e fenilcetonúricas, que deberán, en todo caso, establecer criterios de progresividade social na súa actuación coas persoas e familias beneficiarias.
b) Realización de actividades lúdicas, culturais, de lecer ou recreo.

Ademais, non serán prioritarias, para os efectos previstos nesta orde aquelas actividades ou proxectos susceptibles de acceder a outras liñas de colaboración financeira específicas promovidas por outros centros directivos da Xunta de Galicia.

Os tipos de subvencións que se poderán solicitar son os seguintes:

A. Para funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social.

Inclúense neste tipo o funcionamento daqueles centros que complementen os ámbitos de intervención social do Sistema galego de servizos sociais neste nivel de atención, que se especifican no artigo 3 da Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, e que corresponden ás seguintes tipoloxías:


a) Albergues.
b) Centros de acollida.
c) Comedores sociais.
d) Centros de atención social continuada.
e) Centros de día e inclusión social.

B. De promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter básico, innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios e de inclusión social e en favor da poboación inmigrante.

B.1. De promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter básico, innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios:

Inclúense neste tipo o desenvolvemento de actuacións deseñadas para complementar, ampliar ou innovar proxectos básicos de actuación dos servizos sociais comunitarios referidos no artigo 9 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento (DOG nº 63, do 30 de marzo), como o de axuda no fogar; de inserción social; de fomento da cooperación social; de convivencia alternativa, programas orientados a colectivos con problemáticas identificadas e singulares, na procura da súa normalización e reincorporación social para favorecer o mantemento dos seus vínculos familiares e a súa autonomía e calidade de vida ou calquera outro que dea cumprimento ao obxecto deste nivel de atención, segundo se recolle nos artigos 9 a 13 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e no Decreto 99/2012, do 16 de marzo (DOG nº 63, do 30 de marzo).

Terán a consideración de subvencións de promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter básico, innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios os programas integrais de base comunitaria en zonas rurais que favorezan a inclusión social e laboral de persoas novas, mulleres e colectivos con dificultades de inserción, así como programas integrais de base comunitaria en barrios urbanos que desenvolvan accións preventivas, de intervención, seguimento e titorización para persoas en situación ou risco de exclusión social, sempre que non poidan ser incluídos nalgunha das alíneas establecidas no punto B.2.

Os contidos das actividades elixibles para seren subvencionadas con cargo a esta orde axustaranse ao tipificado nos artigos 9 a 13 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG nº 245, do 18 de decembro), e no Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento (DOG nº 63, do 30 de marzo).

B.2. Promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de inclusión social:

Inclúense neste tipo, actuacións que contribúan a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social seguintes:
a) Actuacións deseñadas para permitir a adquisición e desenvolvemento das habilidades sociais e hábitos prelaborais para dinamizar as capacidades e recursos persoais e sociais realizadas a través de itinerarios personalizados de inserción sociolaboral. Estes itinerarios incluirán as accións necesarias para o deseño, acompañamento e a mellora de aptitudes básicas, desenvolvemento persoal, técnicas de busca de emprego etc. Así mesmo, consideraranse neste punto aqueles programas que inclúan unicamente como acción formativa a preparación para a adquisición do permiso de condución, o cal non se considerará subvencionable se esa actividade non forma parte dun itinerario de inserción social.
b) Actuacións deseñadas para adquirir formación básica e de tipo laboral específica e adaptada ás necesidades dos colectivos en situación de exclusión social, que permitan mellorar a súa cualificación socioprofesional.
c) Actuacións deseñadas para realizar acompañamento social, que consistirán na posta á disposición dos usuarios, de servizos de apoio persoal e/ou familiar que faciliten o adecuado desenvolvemento de itinerarios de inserción sociolaboral.

Serán persoas beneficiadas dos programas ou actuacións subvencionadas neste punto os perceptores da renda de integración social de Galicia, persoas en situación ou risco de exclusión derivadas da rede de equipos de inclusión sociolaboral, e en xeral persoas afectadas por factores de exclusión identificadas no II Plan galego de inclusión social (pódese consultar na páxina web da Consellería de Política Social). Na memoria do programa ou actuación (anexo V) deberán quedar reflectidos os criterios de selección dos/as destinatarios/as e o seu perfil.

Estas actuacións, de acordo cos obxectivos establecidos pola Consellería de Política Social no ámbito da inclusión social, e tendo en conta as directrices marcadas pola Unión Europea no marco de apoio ás políticas destinadas a mellora do emprego e da promoción da inclusión social, estarán subvencionadas no marco do programa operativo FSE Galicia 2007/2013, no eixe 2, tema prioritario 71 e cun cofinanciamento do FSE ao 80 %.

B.3. Promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto en favor da poboación inmigrante.

Inclúense neste punto o desenvolvemento de programas de inclusión social que contribúan de forma maioritaria a incrementar a participación das persoas inmigrantes no mundo laboral.

Os ditos programas promoverán a inclusión social e a integración no mercado de traballo a través do desenvolvemento de algunha ou algunhas das actuacións que se sinalan no punto B.2 anterior, adaptadas ás necesidades das persoas inmigrantes; poderán incluír actuacións de formación lingüística, de introdución ao coñecemento das características, funcionamento, costumes e valores da sociedade de acollida, de asesoramento xurídico en materia de estranxeiría e calquera outra actuación que resulte necesaria para a atención das súas necesidades específicas.

Os participantes nas actuacións están obrigados a acreditar documentalmente a súa condición de inmigrantes e autorizar por escrito á Dirección Xeral de Familia e Inclusión para consultar os seus datos de vida laboral, coa finalidade de comprobar o grao de inserción no mercado laboral acadado polas accións formativas.

No desenvolvemento das actuacións promoverase a igualdade entre homes e mulleres, fomentando a eliminación de calquera forma de discriminación.

Estas accións son elixibles no marco do programa operativo FSE Galicia 2007/2013, no eixe 2, tema prioritario 70 e cun cofinanciamento do FSE ao 80 %.

O número de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter básico, innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios e de inclusión social e en favor da poboación inmigrante para os cales se poderá solicitar subvención será como máximo de catro, e indicarase a orde de prioridade entre eles. Isto non será aplicable a aqueles que teñan inequivocamente un contido formativo concreto e totalmente diferenciado.
 

Beneficiarios:
Servicios sociales de Galicia.

As entidades que sexan subvencionadas deberán:
a) Acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente. Así mesmo, e no caso de que a axuda concedida sexa financiada polo Fondo Social Europeo (FSE), deberá manter de forma separada na contabilidade os gastos financiados e conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos contados desde o peche do programa operativo FSE Galicia 2007/2013. Esta circunstancia será oportunamente comunicada na resolución de concesión.
b) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións concedidos, a condición de subvencionada pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo 2007/2013, conforme a normativa comunitaria, se é o caso.
c) Informar, se é o caso, os alumnos que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social) e polo FSE, así como dos obxectivos dos ditos fondos.
d) O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo total da actuación subvencionada. Para estes efectos, comunicará a obtención de axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración pública, de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades tanto públicos como privados, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recolla e proceso de datos de seguimento e acreditación da realización da actividade de persoas beneficiadas ás fórmulas que, se é o caso, propoña a Consellería de Política Social e, se así é requirido, incorporaranse como usuarios da aplicación informática deseñada e implantada para o II Plan galego de inclusión social. Para estes efectos, a Consellería de Política Social asignaralle á entidade beneficiaria un equipo de inclusión sociolaboral de referencia pertencente ao II Plan galego de inclusión social.
f) Axustarse na execución das accións aos obxectivos que, se é o caso, estableza a Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión. En particular, e coa periodicidade con que sexa requirido, deberá comunicar á Dirección Xeral de Familia e Inclusión o cumprimento polos usuarios beneficiados das accións subvencionadas, comunicación en que se farán constar, como mínimo, os seus datos de identificación e o seu grao de cumprimento.
g) As entidades estarán obrigadas ao cumprimento da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal e, en concreto, á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e ao Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da dita lei. Así mesmo, os datos de carácter persoal das persoas beneficiadas atendidos incorporaranse ao ficheiro de datos de carácter persoal Xestión de Servizos Sociais, creado pola Orde do 15 de decembro de 2011.
h) No caso de realización de actuacións deberá remitir, como mínimo con catro días de antelación, a data de inicio e remate da actuación, así como o horario, a planificación e o enderezo de realización.
i) Solicitar á Dirección Xeral de Familia e Inclusión a autorización das modificacións que afecten as actuacións subvencionadas, cunha antelación de cinco días.
j) Remitir no prazo de dez días os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.
k) Facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
l) Contratar un seguro de accidentes nas actuacións formativas e para os alumnos ou participantes que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento das actividades, como os do traxecto ao lugar onde se impartan as prácticas, se é o caso.
m) Adecuarase á metodoloxía de recolla e proceso de datos relativos á execución das accións así como os instrumentos xustificativos do gasto ás fórmulas que, se é o caso, propoña a Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión.
n) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan esixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
o) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento.


Requisitos:
a) Estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro.
b) Carecer de ánimo de lucro. Non obstará para a consideración de carencia de ánimo de lucro o feito de que as ditas entidades perciban contraprestación das persoas usuarias, sempre e cando da análise das súas contas anuais se deduza a non obtención de beneficio.
c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
d) Non atoparse nalgunha das situacións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) No suposto de entidades que no exercicio anterior recibisen subvención para mantemento de centros ou promoción de actividades ou asinasen convenios de colaboración coa Xunta de Galicia que tivesen un obxecto semellante ao recollido nesta orde, será requisito previo para a concesión da subvención a presentación do balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural, e, no caso das subvencións para promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e de inclusión social, a correspondente memoria.
f) As entidades que accedan á presente convocatoria deberán dedicarse con carácter preferente, en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións recollidas no artigo 1 desta orde.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse en data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

 

Axudas a entidades de iniciativa social