Consellería de Política Social

Inicio > Portada > Temas > Familia > Familias numerosas > Aplicación social do transporte de Galicia

Transporte metropolitano de Galicia

Aplicación social para as familias numerosas

TM

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Consellería de Política Social asinaron o día 7/11/2014 un acordo de colaboración para estender os descontos establecidos na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, para o transporte interurbano de viaxeiros no eido do Plan de transporte metropolitano de Galicia, nas áreas metropolitanas de: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo

Estes descontos son do:

  • 20 % – categoría xeral
  • 50 % – categoría especial


As bonificacións por familia numerosa comezaron a aplicarse o 1 de decembro de 2014 e son acumulables a calquera outra que lle puidera corresponder pola pertenza a outro colectivo bonificable, cun límite máximo do 100% da viaxe. Desde o 1 de decembro de 2014, os descontos por familia numerosa teñen efectos desde o día de entrada da solicitude no rexistro correspondente.

O 27 de abril de 2015 entraron en vigor as bonificacións por familia numerosa para os concellos da área metropolitana de Vigo.

admiracionEstas bonificacións non serán aplicables para o transporte urbano, só para o transporte metropolitano entre os concellos que integran a área metropolitana correspondente.


Persoas beneficiarias

Calquera membro dunha familia numerosa de Galicia (maior de 5 anos) que, cumprindo os requisitos necesarios para estar incluídos dentro do título oficial de familia numerosa, solicite a súa alta na aplicación SOCIAL na Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

Requisitos

  • Ser titular dun contrato individual de tarxeta metropolitana de Galicia (TMG) asinado coa empresa colaboradora (ABANCA). No caso de persoas menores de idade o contrato será subscrito polas persoas proxenitoras, titoras ou gardadoras.

As tarxetas poderán adquirirse unicamente nas oficinas distribuidoras de ABANCA relacionadas na páxina web do transporte metropolitano de Galicia e teñen un custe de 2 € ademais do importe da recarga correspondente.

  • Cubrir o impreso de solicitude de alta na aplicación social xestionada pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión.
  • Achegar, xunto coa solicitude, unha copia do contrato individual e unha copia da propia tarxeta.


Forma de presentación das solicitudes

  • Por correo electrónico, no enderezo: carnefamiliargalego@xunta.es.
  • Por correo postal. Neste caso o envío deberá conter o selo de correos na folla da solicitude para acreditar a data de presentación.
  • En calquera rexistro administrativo do Estado, da Comunidade Autónoma ou de calquera das entidades da Administración Local, segundo o establecido no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.


Validez da TMGS

O período no que se aplicarán os descontos correspondentes por familia numerosa coincide co período de validez do propio título de familia numerosa.

Cada vez que se renove o título de familia numerosa, deberá comunicarse á  Dirección Xeral de Familia e Inclusión para que efectúe a correspondente modificación do período de validez na aplicación social.

Obrigas das persoas usuarias da TMG

As TMG rexistradas na aplicación social serán de uso exclusivo da persoa titular, quen se responsabilizará da súa custodia e correcto uso.

O uso da tarxeta por unha persoa distinta da súa titular dará lugar á perda dos beneficios correspondentes.

Bonificacións

As bonificacións percibiranse sempre ao final do mes seguinte a aquel no que se xere o dereito ao desconto correspondente, con efectividade desde o día 1 do mes seguinte. Así, os descontos acumulados no mes de decembro, serán computados a finais do mes de xaneiro e estarán dispoñibles paras as persoas usuarias a partir do 1 de febreiro.

O prazo para que as persoas usuarias acepten a bonificación é de 2 meses dende a data en que esta se pon á súa disposición. De non aceptar a bonificación neste prazo, perderase o dereito a ela. Esta caducidade só afecta ás bonificacións correspondentes, en ningún caso afecta ao saldo da tarxeta.

As bonificacións acumuladas poderán facerse efectivas en calquera caixeiro de ABANCA e en calquera das tarxetas da persoa titular.

Perda ou deterioro da TMG

En caso de perda ou deterioro da tarxeta poderá substituírse por outra. Se a substitución se fai nas oficinas de ABANCA relacionadas na páxina web do transporte metropolitano de Galicia, o traspaso das bonificacións faise automaticamente. Se a substitución se fai con outra tarxeta xa en poder da persoa usuaria, deberá solicitarse o traspaso das bonificacións á nova tarxeta na Dirección Xeral de Familia e Inclusión.
 

Información

Para coñecer o proceso de solicitude e funcionamiento, pode dirixirse ao número de teléfono:

981 544 622